Xoven, sen emprego fixo busca...
... piso de aluguer. Non sei se algunha vez estivestedes nesta situación. Eu si. De feito levo 5 meses na procura dun piso en aluguer e... podo dicir que é prácticamente imposible. Hai distintas formas de buscar vivenda, analicemos cada unha delas:
- Internet: hai diversas páxinas de búsqueda de vivenda. Eu teño a alerta activada de xeito que me chega un correo cada vez que se publica un anuncio coas caracteristicas que eu preciso (creedeme, son moi amplas). O último que recibín foi: segunda man, bo estado, dous dormitorios, dous baños... 900 euros/mes. Está ben, se non como, nin me lavo nin acendo as luces....
- Prensa: Aqui podes atopar anuncios de particulares (son os menos), axencias inmobiliarias (prezos demasiado altos, sabedes que a axencia queda con cartos) e finalmente, o gran invento do século, as oficinas de búsqueda de vivenda (ou, como eu as chamo, axencias estafadoras). A estas últimas quero adicarlle o meu tempo. Estas oficinas defínense a si mesmas como intermediarios entre a persoa que busca e a que ofrece; a diferencia fundamental que teñen coas inmobiliarias é que, neste caso, é o interesado o que ten que desembolsar unha cantidade de diñeiro para que se lle busque piso. Eu fun victima deles. Unha mañá lin no xornal: piso de aluguer, céntrico, 2 dormitorios, con mobles, garaxe, 280 euros comunidade incluída. ¡Que choio! Chamei. Colleu o teléfono unha señorita con voz de teleoperadora típica que me preguntou a que anuncio me refería. Deille as explicacións pertinentes e díxome: "pásate esta tarde pola seguinte dirección...". Eu pensaba que esa era a dirección do piso que se anunciaba no xornal, pero non. Cando cheguei alí eran unhas oficinas. Pensei que estaba equivocada e, ó preguntar, a rapaza díxome que estaba no lugar correcto. Explicoume que eran e como funcionaban e aseguroume que antes de seis meses, atopábanme piso. Preguntei polo piso que se anunciaba no xornal e resulta que xa estaba alugado pero aquela muller ensinoume montóns de fichas, según ela, de pisos que estaban para alugar. Paguei. ¿Resultado? Disto fai 4 anos, e aínda estou esperando polo meu piso.